RUTA INDIANA OUROL

Non hai nada que mellor defina o noso pobo que o seu carácter emigrante. O eco da emigración aínda persiste hoxe nas casas de estilo colonial, que sen dúbida conforman un riquísimo patrimonio arquitectónico coas súas singulares e elegantes formas; nas numerosas escolas que financiaron os emigrantes, presentes en cada unha das parroquias do concello; e nos recordos de moitos veciños que tiveron que saír fora buscar un futuro mellor. A emigración supoñía unha promesa de prosperidade detrás da que se escondía unha dramática realidade: o abandono do fogar e da familia e a incerteza dunha vida nun país descoñecido ó que se chega escapando dunha situación na terra nai de fame, enfermidades, crise económica…

Fronte a todo isto países coma Cuba, Porto Rico, Arxentina, Uruguai… prometían progreso, cultura, educación e prosperidade. Nestes lugares os galegos comezan a fundar asociacións como a “Asociación naturales de Galicia” ou “Vivero y su comarca”; asisten a clases, aprenden a ler e a escribir e desenvólvense entre a burguesía accedendo a postos destacados no eido económico e empresarial.

Os cartos comezan a chegar a Galicia e empréganse na compra de terras, na construción de estradas pero sobre todo na construción de escolas de educación primaria cos finalidade de erradicar o analfabetismo nas súas zonas de influencia. Xunto a todas estas obras outro aspecto destacado no que se vai reflectir a situación do emigrado e retornado indiano é a vivenda. Nalgúns casos trátase de remodelar a casa autóctona aumentando metros, subindo alturas ou incluíndo elementos de confort e hixiene, como por exemplo o baño. Noutros casos vanse construír grandes vivendas que van lembrar os antigos pazos señoriais e incluso superalos en grandeza e comodidade.

O Concello de Ourol co apoio da Mancomunidade de concellos da Mariña Lucense, a cargo do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense, cofinanciado pola Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, pon en marcha esta Ruta Indiana coa finalidade de poñer en valor a cultura e o patrimonio indiano do concello de Ourol.

Esta ruta conta con dezasete recursos que forman a ruta por Ourol, 14  casas, 2 escolas de indianos e o cemiterio indiano de Xerdiz.

Podes acceder a toda a información destes recursos a través do seguinte enlace: